Fermosa pero ameazadora verba titula esta carta. É altamente probábel que se tivermos que explicar o seu significado, pensásemos nese pequeno trazo que se ergue por riba dunha morea de vogais segundo o establecido por unha serie de normas de ortografía. Por outra banda, habería outro feixe de persoas que pensarían na concreta tonalidade coa que cada grupo de persoas fala segundo a parcela de terreo na que son nadas. Non é escrito este texto co gallo de esclarecer o meu ver no tocante aos diferentes xeitos de definir esta palabra senón cunha meta clara: profundar no infravalorado da primeira das definicións expresada anteriormente.
Daba en publicar a pasada semana o señor alcalde un chío no que trataba – algo que se debe agradecer – de empregar o galego para se dirixir aos seus cidadáns mais, cal era a sorpresa de moitos e moitas de nós, ao comprobarmos que non era quen de redactar cun mínimo de corrección no que atinxe á acentuación, a puntuación e ás desviacións da lingua. Outro caso paradigmático é o que se dá co presidente da Xunta de Galicia e moitos outros políticos – de diversas cores ideolóxicas – cando falan perante a prensa ou, sendo máis grave se callar, en sé parlamentaria.
En xeral, malia tratarse dun síntoma máis de aldraxe contra a lingua galega, gustaría, nesta ocasión esquecer o meu acento e falar en defensa da gramática e da ortografía en xeral tamén do castelán. Adoita ser unha resposta habitual da sociedade non ter excesiva preocupación por este tipo de situacións, algo que ten como resultado encher as redes, por falar do exemplo máis evidente, de erros continuos na redacción, violando normas que deben ser coñecidas dende a primaria.
Pedirmos corrección aos cativos e adolescentes sen térmola nós – nin as personalidades políticas – é unha enorme mostra de hipocrisía – ademais da pegada inconfundíbel dunha educación deficiente – que debe ser arranxada decontado. Se estivermos verdadeiramente concienciados para co éxito educativo quizabes debamos, todos, pór da nosa parte e apoiar o profesorado no canto de alporizármonos cada vez que nos amosan a realidade cando as futuras xeracións cometen erros gramaticais e ortográficos. Non podemos ter políticos que non darían aprobado un exame de lingua de 2º da ESO.
—
Esta y otras historias en nuestro blog, y si quieres, consulta nuestros servicios en nuestra web: www.galeduca.es, o si prefieres el inglés, tenemos disponible nuestra página www.justenglishacademy.es.
—

