Oito do serán. Comeza a devalar o sol e as temperaturas baixan, permitindo que, novamente, as terrazas se ateiguen para gozarmos do solpor namentres tomamos unha bebida ben fría.
De súpeto, ao noso carón, senta unha familia cun ou dous cativos que non semellan ter o mesmo devezo por estaren nunha terraza de cafetería, con agardado resultado: alporizamento e berros. Aínda así, non temos de que nos preocupar pois a solución é coller ese trebello denominado móbil, seleccionar un vídeo – ou seleccionareno eles, co orgullo paterno, que se se me permite a min aínda me amola máis pois considero que gabar o habelencioso que un cativo de ano e medio é co teléfono resúltame semellante a facelo por conducir bébedo – e as protestas acougan. Chega o silencio, cando menos, do neno.
Naqueloutra mesa podo ver outra famila, tamén con fillos e fillas, máis medrados e con candaseu smartphone. Todos vostedes o visualizan sinxelamente, non si? Ninguén fala, como catro persoas descoñecidas no vagón dun tren. Máis silencio.
Cando menos nestes casos, parece existir unha especie de pacto non escrito, cada un ao seu, co seu teléfono, coma se estivesen a sufrir un rouquén severo e tivesen que reducir o uso da súa voz ao mínimo. Con todo, que me din desas persoas que, cando están connosco collén do peto o seu móbil ante algunha notificación e desaparecen practicando inconscientemente unha conduta denominada como phubbing que consiste en ignorar a quen está na nosa contorna por mor de atender á tecnoloxía. Neste caso o silencio dá imaxe de ser menos democrático, porén, silencio, unha vez máis.
A tecnoloxía smartphone, raíz e tronco da industria 4.0 que, ben seguro traerá incríbeis avances para a humanidade, precisa dunha revisión na súa utilización particular. Nesta sociedade postpandémica, na que o durame das relacións sociais non deixa de amolecer, se cadra, ignorarnos entre nós para ver a última mensaxe dun grupo de Whatsapp – iso dá para outro cento de cartas – é unha demostración máis dunha crecente perda de valores sociais e humanos que, pouco se está a afacer por atallar, ou si? Silencio.
—
Esta y otras historias en nuestro blog, y si quieres, consulta nuestros servicios en nuestra web: www.galeduca.es, o si prefieres el inglés, tenemos disponible nuestra página www.justenglishacademy.es.
—

