A pasada semana, fomos sorprendidos por unha nova que se publicaba neste xornal, e digo sorprendidos especialmente polo alto listón que lle supomos a este medio, ó cal, de paso agradecemos a oportunidade que nos brinda ó publicar tódalas nosas cartas.
A nova á que uns servidores se refiren, levaba a cabo unha crítica da situación actual nas rúas de Doutor Fleming e de Xesús Soria, ambas no barrio de O Couto. Na publicación, falábase de dúas rúas contaxiadas – desculpen a inoportunidade do termo – de conflitividade, ruídos e ilegalidades varias. O obxecto da miña columna de esta semana é, facendo bo o principio de contradición xurídica, (ambas partes teñen dereito a manifestar o seu punto de vista sobre un suceso) expor unha diferente visión de doutor Fleming – desafortunadamente non coñezo a situación da Rúa Xesús Soria o suficiente como para pronunciarme sobre ela – tendo en conta que levo máis de tres anos traballando nela e, recoñezo, sentíndome parte da súa habitual e leda rutina.
Doutor Fleming é, sen dúbida, unha das zonas máis vivas dunha cidade en franca decadencia, xa que, mentres, por exemplo (e por desgraza), o centro histórico destaca pola súa vida de venres a domingo pero recupera o seu habitual e silencioso aspecto durante o resto da semana. A rúa que une a parte traseira da “okupada” Alameda con Ervedelo é como unha pequena cidade, na cal temos dende supermercados, até academias, pasando por múltiples, bares, lavanderías, parkings, farmacias, ximasios e, incluso, un colexio. A pregunta que eu lle fago ós redactores da noticia “Los vecinos de Doctor Fleming y Jesús Soria hartos de los ruídos: “Es el nuevo Bronx”, fóra da falta de tacto que se desprende da comparación, é se realmente pensan que unha rúa “tan perigosa” podería estar chea de empresas, chea de xente e de ambiente, en xeral, se tan indesexable é a habitabilidade nela. Encataríame saber se a mellor panadería da cidade, as máis senlleiras marcas de supermercado ou bares e restaurantes de moi bo nome se instalarían nunha rúa na que a convivencia é tan comprometida.
Pola nosa parte, a resposta está clara, non hai máis que dar un paseo por esta fermosa e viva rúa do centro da cidade de Ourense onde, así e todo, non abundan os cartaces de “se vende”, “se alquila” ou “se traspasa” como noutras rúas de moita mellor prensa.
—
Esta y otras historias en nuestro blog, y si quieres, consulta nuestros servicios en nuestra web: www.galeduca.es, o si prefieres el inglés, tenemos disponible nuestra página www.justenglishacademy.es.
—

